Wednesday 08 de May de 2024

Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 acollerá o xoves 25 o espectáculo Benditos Malditos e Carlos García-Boente cantan a Sabina


A actuación terá lugar o xoves 25 ás 22.00 horas no recinto do festival en Monte do Gozo, con entrada de balde

Sesións DJ, música tradicional, exhibicións, formación e actividades infantís, propostas para as vindeiras semanas

 

O festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 acollerá o xoves 25 de agosto o espectáculo Benditos Malditos – La Banda Sabinera e Carlos García-Boente cantan a Sabina. A cita terá lugar ás 22.00 horas e a entrada será de balde.

Desde a organización do festival estival en Monte do Gozo amosan a súa satisfacción por “poder contar cun espectáculo de tanta calidade e que, sen dúbida, atraerá a numerosas persoas asistentes”. E non é de estrañar, pois a banda que acompaña a Sabina nas súas gravacións e concertos desde hai máis dun cuarto de século será a protagonista desta noite tan especial e na que estará acompañada polo artista galego Carlos García-Boente, vocalista do tributo La Penúltima Sabinera.

Este espectáculo forma parte da exclusiva xira por Galicia, patrocinada polo Xacobeo 21-22, que Benditos Malditos-La Banda Sabinera iniciou onte en Lugo. Continuará o mércores en Sanxenxo para finalizar o xoves 25 no festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22.

Benditos Malditos-La Banda Sabinera, está integrada por Jaime Asúa, colaborador habitual da casa, tamén autor dalgunhas das cancións do Mestre de Úbeda; Mara Barros, cantante e corista oficial de Sabina desde hai máis de 10 anos; a baixista Laura Gómez Palma —a incorporación máis recente— e Paco Beneyto, batería da mítica banda “Viceversa” cando acompañaba ao cantante nos anos 80.
Un setembro cheo de propostas

Tras finalizar agosto con este espectáculo inesquecible, Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 continúa a súa variada programación con propostas para todas as idades e gustos. Ademais deste concerto, durante o mes de agosto seguiranse ofrecendo sesións DJ nas fins de semana.
Setembro estrearase con forza da man das propostas formativas relacionadas tanto coa creación e publicación de cómics en liña e produción audiovisual, na segunda e terceira semanas de setembro, respectivamente.

A isto cómpre sumar as propostas para nenos e nenas de entre 3 e 14 anos da man das Catividades e dunha festa de inchables. Tamén haberá unha nova xornada con masterclasses de zumba.

A música, gran protagonista
Como broche a máis de tres meses de actividades, o festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 encherase de música. Non faltarán os DJs, que serán os grandes protagonistas dun festival de picadiscos previsto para o 9 de setembro.

Mudando o rexistro, celebrarase o certame XeneraSon Folk, que terá lugar os días 10 e 18 de setembro. Culminarase a cita coa música tradicional cunha Macroactuación Foliada o día 24 de setembro pola mañá.

Tamén haberá espazo para o pop-rock cos Combos musicais de A Casa do Rock e Rockschool Coruña na última fin de semana de setembro. Estes finalizarán cunha macroactuación rock, o domingo 25 pola mañá.

Sobre Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22
A segunda edición de Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 fará de Monte do Gozo o lugar idóneo para o lecer estival. Esta segunda edición conta co apoio da Xunta de Galicia, Estrella Galicia e, no caso dos certames XeneraSon, da CRTVG